A caixa de memorias

  Autor: Alfredo Conde
 

05.01.2009

 

Levo días lendo Nuevas Pomberías, o novo libro de Manuel Pombo Arias publicado por Huerga & Fierro Editores. Continuarei nelo.

Non se trata dun libro pra ler dunha sentada, senón pra o ir debullando de a poucos. Tal e como pode unha pita peteirar unha dourada mazaroca de millo, así é como hai que lelo. Grao a grao, aforismo a aforismo, máxima a máxima, reflexión a reflexión ou comentario a comentario, que de todo hai nel.

Esta libresca mazaroca. Bautizada como Nuevas pomberías é literariamente dourada, sí; pero tamén polícroma, según lle dea a luz ou sexa o pequeno ensaio, a breve ensoñación, a reflexión certeira, o comentario cheo de mordacidade ou de sarcasmo diríase que cáseque schopenhuereanos. Léase, pois, en pequenas e mitradas dióceses, con toda a liturxia do intelecto, peteirando acó e acolá, tal e como xa se advirteu anteriormente; é dicir, beilando unha danza estraña e rebuldeira, sincopada e arrítmica, na que un pé algo afoutado e toleirán vaia marcando un compás que eu non me atrevería nunca a establecer.

Se se fai como se di, saberá un das rapazas de fume e flores que, en Londres, aman o parfume das violetas e mailas sandalias fermosas que nunca darán calzado ou que o xeito de coñecer a un mentirán sistemático consiste en se aplicar en prestar atención ó momento no que realiza un esforzo suplementario cada vez que conta unha verdade.

Saberá tamén dos personaxes, dos escritores que concitaron a atención do autor e se preguntará, cada vez que peteire neles a súa afiada ollada do lector, qué foi o que espertou a atención do autor, cál a causa real do comentario, cál a razón dunha melancolía estraña que se lle vai apousando no fondal da alma como poidera facelo a lama elemental que avoltou a auga dese illó anímico e que despois se foi serenando, ata volver a deixar a súa tona tal coma a dun espello feito co millor azougue.

Novas pomberías, un aletexar de pombos na túa caixa das memorias, cada vez que as les. Ouh, se o lector consegue que eses pombos sequen as súas alas como fan os cormoráns, abríndoas ó vento lene que camiña sobre o mar espelleante, mentres deixan que lles dea un sol que de negras as faga derivar azuis e dun xeito tal e todo se confunda e unifique. Daquela andará moi cerca da poesía ou sentiraa rondando darredor del. Pero eses sonlles xa outros cantares. E outros aletexos.

Alfredo Conde

 
 
 
Libros
Notas de prensa y colaboraciones
Enlaces
Contacto
Tu compra
Mis recomendaciones entrefraseadas
Literatura de Viajes
Bookmark and Share